A Policía Nacional confirma que tamén en Galicia están a producirse algúns dos tipos de estafa que están a proliferar a nivel estatal.
Así, constatan que detectaron "considerables denuncias" de casos de sextorsión e da estafa do 'fillo en apertos' e ofrecen unha serie de consellos para evitalos.
No caso dos delitos de sextorsión, un dos métodos utilizados polos delincuentes para captar ás súas vítimas é simular un encontro no mundo virtual. Tras establecer un contacto de carácter amistoso, pasan a un encontro máis íntimo a través de internet, con intercambio de vídeos entre as dúas partes.
Unha vez que os delincuentes teñen no seu poder material sensible, esixen un pago á vítima para non difundilo entre os seus contactos.
Outro modus operandi é facerse pasar por organizacións criminais dedicadas á prostitución e ao proxenetismo.
Os clientes desta actividade contactan para contratar un servizo de índole sexual e tras este primeiro contacto, comezan a recibir ameazas de supostas mafias para que lles paguen por servizos que non se prestaron ou por facer perder o tempo aos seus empregados.
A fin de evitar ser vítima deste tipo de delitos, aconséllase non proporcionar nunca datos persoais, tales como dirección, zona onde se vive ou familiares próximos.
Esta información usarana logo para dar veracidade a ameazas ou para difundir os vídeos obtidos. Tamén se recomenda pechar os perfís en redes sociais e non aceptar amizades de persoas que non coñecemos.
Unha vez que xa es vítima, aconsellan conservar a calma, non alarmarse e pensar antes de actuar; non realizar ningún pago solicitado e non ceder a chantaxes nin ameazas; e porse en contacto inmediatamente coa Policía Nacional para denunciar os feitos e minimizar os seus efectos.
No caso da estafa do fillo en apertos, os delincuentes establecen contacto coa vítima normalmente mediante a aplicación de mensaxería Whatsapp facéndose pasar polo seu fillo ou filla.
Desde un número que nada ten que ver co do familiar, pero facéndose pasar por el, dinlle que perdeu o móbil, ou que non ten batería, e solicítase que se faga algún movemento económico inmediato, xa que ten algún problema urxente.
A fin de evitar ser vítima deste tipo de delitos, aconséllase pór en dúbida calquera mensaxe, chamada de teléfono ou Whatsapp que se reciba desde un número distinto e verificar coa outra parte que, efectivamente, se trata da persoa coa que estamos a falar facendo unha chamada de voz.
Tambén aconsellan sospeitar de calquera solicitude urxente de diñeiro e dispor dunha palabra ou frase de seguridade coa nosa contorna máis próxima, ou facerlle unha pregunta que o familiar sabería responder en calquera situación, pero que calquera outra persoa descoñecería.