Continúa a escalada de casos activos na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés: 936 positivos

Pontevedra
20 de decembro 2020

Contabilízanse once casos de infección máis que nos datos facilitados pola Consellería de Sanidade o sábado. 48 persoas permanecen ingresadas nos hospitais de Pontevedra e O Salnés, oito delas permanecen na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Nas últimas horas faleceron dúas das persoas que se atopaban ingresadas por covid no Complexo Hospitalario

Zona de probas covid-auto no Hospital Provincial
Zona de probas covid-auto no Hospital Provincial / PontevedraViva

Segue a aumentar o número de pacientes con infección activa na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A Consellería de  Sanidade notifica este domingo a cifra de 936 pacientes por covid-19, once casos máis que nos datos ofrecidos durante o sábado 19. Detectáronse 57 novos casos confirmados nas 719 probas PCR realizadas durante as últimas 24 horas.

48 persoas atópanse ingresadas nos Hospitais de Pontevedra repartidas do seguinte modo: 31 pacientes atópanse en planta de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, tres permanecen no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 6 están en planta do Hospital do Salnés. Ademais, 8 pacientes  covid continúan na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. 

888 persoas coa enfermidade atópanse evolucionando nos seus domicilios. Nas últimas horas faleceron no Hospital Montecelo dous pacientes covid, unha muller de 87 anos e un home de 97, ambos con enfermidades previas. Con estes falecementos xa se alcanzan as 75 mortes por coronavirus na área sanitaria.

Desde o inicio do plan de continxencia do covid-19 curáronse 5.464 pacientes, 45 persoas máis que o sábado. 

GALICIA

Nos datos xerais de Galicia detéctase unha baixada de pacientes con infección activa. Este domingo, a Consellería de  Sanidade notifica 5.609 pacientes covid fronte aos 5.653 que se cuantificaban este sábado, 44 casos menos. Nas últimas 24 horas detectáronse 328 novos casos confirmados por probas PCR realizadas na comunidade autónoma.

293 destes enfermos atópanse hospitalizados en planta e 53 na Unidade de Coidados Críticos. A cifra de persoas falecidas desde que se comezaron a contabilizar os falecementos como consecuencia de covid-19 ascenden a 1.338 persoas.