O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acudiu este xoves ata o camiño que une o Lavadoiro da Moreira con As Canles, no que acaban de comezar as obras para a súa pavimentación e mellora. Unha actuación que se enmarca dentro do plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023, financiado pola Xunta de Galicia.
Este plan marco aplícase para camiños que son de titularidade municipal e que facilitan o acceso, en calquera punto do seu trazado, cando menos a dúas parcelas agrícolas.
A súa mellora pretende que continúe sendo unha alternativa segura e funcional para a ordenación do tráfico rodado da zona, actualmente infrautilizada debido ás súas malas condicións de utilización. Así, levarase a cabo unha rehabilitación do firme e unha mellora da drenaxe da plataforma da vía.
En total, investiranse 54.800 euros e os traballos serán executados pola empresa Covsa.