Continúan as actividades para difundir o Castro das Croas

Pontevedra
18 de setembro 2014

Entre o martes 23 e o xoves 25 vai desenvolverse un ciclo de conferencias divulgativas no en el Local social de Cabanas-Salcedo

Inicio dos traballos de recuperación do Castro das Croas
Inicio dos traballos de recuperación do Castro das Croas / Concello de Pontevedra
Interese en que os veciños de Salcedo coñezan datos do Castro das Croas /

A escavación do Castro das Croas situada na parroquia de Salcedo está a espertar o interese de numerosos visitantes polo que o Concello de Pontevedra ten decidido, segundo explicou o concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, continuar as actividades relacionadas con este achado arqueolóxico. Durante os días 23 e 25 de setembro desenvolverase un ciclo de conferencias no Local social de Cabanas-Salcedo coa participación de historiadores, arqueólogos e antropólogos.

Para o martes 23 está prevista unha mesa redonda coa participación de Antonio de la Peña e Eduardo Méndez, os dous arqueólogos que dirixiron as escavacións no Castro das Croas en 1993 e en 2014.

O mércores 24, os antropólogos Buenaventura Aparicio e Rafael Quintía tratarán o uso do monte nese espazo. E xa o xoves 25 Estevo Amado, licenciado en Historia e Máster en Arqueoloxía e María Martín, doutora en Arqueoloxía analizarán a alimentación e o consumo na Idade de Ferro e a vida cotiá naquela época a partir do estudo dos combustibles leñosos.

Bará avanzou que tamén se van desenvolver visitas guiadas para escolares e os sábados 4 e 11 de outubro se realizarán "roteiros" abertos polo castro. Ademais vanse editar mapas-guías e aplicacións para difundir esta escavación a través dun proxecto cofinanciado con fondos europeos e que ascende a 166.000 euros. O concelleiro destacou a importancia de que se fagan estes investimentos no patrimonio rural para poñer en valor esta zona e que os veciños teñan coñecementos sobre este xacemento.