Continúan as protestas dos traballadores das residencias de maiores para conseguir melloras laborais

Pontevedra
25 de xuño 2020

O persoal da residencia de Campolongo volveu manifestarse por quinto xoves consecutivo para esixir á Consellería de Política Social unha ampliación do persoal, compensacións por festivos traballados e a reconversión a xornada completa dos contratos de fin de semana

Protesta dos traballadores da residencia de maiores de Campolongo, que esixen mellores condicións laborais
Protesta dos traballadores da residencia de maiores de Campolongo, que esixen mellores condicións laborais / PontevedraViva

Os traballadores da residencia de maiores de Campolongo volveron manifestarse este xoves. É a quinto xoves consecutivo que saen á rúa desde a declaración do estado de alarma co obxectivo de visibilizar o seu malestar e esixir, despois do exemplar traballo realizado durante a pandemia, a recuperación dos dereitos laborais que foron perdendo na última década.

Entre as súas reivindicacións está o incremento de prazas públicas e de xestión directa nestes centros, a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados, a transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores a xornada completa e un recoñecemento ao esforzo realizado durante a crise sanitaria provocada pola Covid-19 que desemboque na mellora das condicións laborais.

Durante a protesta, convocada de forma simultánea en diferentes cidades de Galicia polos sindicatos maioritarios, os participantes lamentaron a falta de interlocución coa Xunta e prometen manter as mobilizacións ata conseguir un acordo co goberno autonómico.

Consideran "unha burla" a oferta da Consellería de Política Social consistente en "cheques gourmet" a trocar por noites de hotel ou comidas en restaurantes como medida para pagar o esforzo do persoal dos centros de menores, dependentes ou de maiores que xestiona a Xunta.