Continúan descendendo os casos activos de Covid na área sanitaria tras unha xornada con 39 novos contaxios

Pontevedra
05 de decembro 2020

Segundo a información facilitada este sábado 5 de decembro polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) 1.025 casos permanecen activos en Ponteveda e O Salnés, 40 menos que o venres, con 51 pacientes hospitalizados

Urxencias do Hospital de Montecelo
Urxencias do Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén a tendencia na redución de afectados por coronavirus, a pesar de manterse nunhas cifras considerables de novos contaxios.

Isto explícase polo elevado número de altas epidemiolóxicas dadas en ultímalas horas, con 79 persoas que superaron a infección, unido a que o número de probas positivas detectadas é inferior ao das últimas semanas aínda que siga sendo importante, con 39 contaxiados detectados desde o venres.

Así se reflicte na información facilitada este sábado 5 de decembro polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), e que sitúa en 1.025 os casos activos na área sanitaria, o que supón unha redución de 40 casos con respecto á xornada anterior.

En canto ao número de hospitalizados increméntase nunha persoa para un total de 51 pacientes, dos que 42 evolucionan en planta entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (36), Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (4) e Hospital do Salnés (2). Os outros 9 casos permanecen na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo.

Desde o inicio da pandemia superaron a Covid un total de 4.585 pacientes da área sanitaria, rexistrándose 59 falecementos asociados ao virus.

No que respecta a a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 1.093, que se engaden ás 94.462 efectuadas con anterioridade.

DATOS EN GALICIA

A nivel autonómico o total de pacientes con infección activa é de 6.948, o que supón un descenso de 188 casos. Deles 337 atópanse hospitalizados en planta (-10) e 61 evolucionan na Unidade de Coidados Críticos (-1).

Nas últimas horas en Galicia confirmáronse 337 contaxios a través de probas PCR e faleceron 10 persoas, o que sitúa en 1.246 o número mortes asociadas á pandemia.

Vigo é actualmente a área sanitaria galegos cun maior número de casos activos de Covid (1.842), seguida da Coruña (1.430), Pontevedra (1.025), Lugo (829), Santiago (807), Ferrol (596) e Ourense (419).