Soben as hospitalizacións por Covid na área sanitaria a pesar de manterse o descenso de casos activos

Pontevedra
07 de decembro 2020

Segundo os datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde este luns 7 de decembro, 53 persoas positivas por coronavirus permanecen ingresadas nos hospitais da comarca, 9 delas na Unidade de Coidados Intensivos. Os casos activos sitúanse en 971, o que supón 19 menos que o domingo

Urxencias do Hospital de Montecelo
Urxencias do Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A presión hospitalaria derivada da pandemia de coronavirus crece este luns 7 de decembro na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a pesar de manterse a tendencia á baixa nos casos activos.

Segundo os datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde, son 53 as persoas positivas en Covid hospitalizadas na comarca, o que supón un incremento de dous pacientes nas últimas horas. Esa subida afecta os ingresos en planta, onde evolucionan 44 afectados repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (37), o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (3) e o Hospital do Salnés (4).

Pola súa banda a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo segue a evolución de 9 pacientes Covid, os mesmos que o día anterior.

Na última xornada detectáronse 33 novos contaxios en Pontevedra e O Salnés, o que unido ás 52 altas epidemiolóxicas que se produciron fixo descender un día máis a cifra de casos activos, que se coloca nos 971, é dicir, 19 menos.

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 4.708 pacientes da área sanitaria, rexistrándose 60 falecementos asociados ao virus.

En canto a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas realizáronse 657, que se engaden ás 95.971 con anterioridade.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico o total de pacientes con infección activa é de 6.644, o que supón un descenso de 82 casos. Deles 352 atópanse hospitalizados en planta (+10) e 60 evolucionan na Unidade de Coidados Críticos (-4).

Nas últimas horas en Galicia confirmáronse 260 contaxios a través de probas PCR e faleceron 7 persoas, o que sitúa en 1.257 o número mortes asociadas á pandemia.

Vigo mantense a área sanitaria galega cun maior número de casos activos de Covid (1.782), seguida da Coruña (1.349), Pontevedra (971), Santiago (795), Lugo (771), Ferrol (576) e Ourense (400).