A Facultade de Dirección e Xestión Pública continuará, polo momento, baixo a dirección de Enrique Varela, que seguirá como decano en funcións logo de que o proceso electoral aberto neste centro se pechase sen ningunha candidatura.
Varela terá agora a encomenda de convocar novamente eleccións nos próximos meses.
Profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, Varela foi o primeiro decano da facultade, cargo que asumiu en novembro de 2022 tras exercer desde 2020 como decano comisario durante o proceso de creación do centro.
Unha vez rematado o seu mandato, foi nomeado decano en funcións o pasado mes de decembro para dar paso á convocatoria electoral que finalmente quedou deserta.
Tras cinco anos á fronte do Decanato, Varela considera completada a "fase de institucionalización" da facultade.
Neste período se consolidaron o Grao en Dirección e Xestión Pública —incluída a súa modalidade virtual, pioneira no sistema universitario galego— e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.
"Cumprín co meu compromiso coa Universidade", sinala, ao tempo que anima a que un novo equipo tome o relevo cando se convoquen as próximas eleccións.
Mentres tanto, continuará á fronte dun equipo directivo tamén en funcións, co obxectivo de manter o contacto coas institucións, os empregadores e os socios académicos, así como de trasladar ás futuras candidaturas á Reitoría da UVigo as principais demandas do centro: máis estabilidade de persoal, maior orzamento e un impulso decidido á internacionalización.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.