Contratan por 178.000 euros a instalación de 18 novos centros de compostaxe

Pontevedra
16 de abril 2018

Un acordo marco que permitirá a instalación de novos centros comunitarios de compostaxe nos puntos, tanto no ámbito urbano como rural, onde haxa demanda veciñal. É o contrato municipal que vén de adxudicarse a empresa Naturgalia

Obras de instalación do composteiro comunitario da rúa Ponte Boleira
Obras de instalación do composteiro comunitario da rúa Ponte Boleira / PontevedraViva

Un acordo marco que permitirá a instalación de novos centros comunitarios de compostaxe nos puntos, tanto no ámbito urbano como rural, onde haxa demanda veciñal. É o contrato municipal que vén de adxudicarse a empresa Naturgalia.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que esta compañía presentou a oferta máis beneficiosa, cun 4,35% menos do prezo de licitación e o compromiso de reducir o tempo de instalación das bases de 15 días a 8. Ofreceu 178.137 euros.

Estas son instalacións que se colocarán a demanda en distintos puntos do concello aínda por decidir. En principio, este acordo marco está pensado para instalar arredor de 18 centros de compostaxe.

Naturgalia será, ademais, a empresa que se encargará da adecuación da Xunqueira de Alba, obras nas que o Concello investirá 184.735 euros.

As obras que están proxectadas son a reconstrución das pasarelas e miradoiros de madeira existentes, a rehabilitación do paseo principal de acceso á Xunqueira de Alba, incluíndo a limpeza de sumidoiros e recuperación de bordos de pedra., a demolición de estruturas da antiga ponte ou o mantemento de mobiliario urbano, bancos e fontes.

Ademais, acometerase a reparación da varanda metálica na ponte sobre o río Rons, a limpeza do elemento principal de desaugadoiro do paseo que leva ata o parque da Deputación, a reparación do miradoiro grande da Xunqueira, a reparación, limpeza e pintado da varanda metálica e dos murais exteriores e a reparación da caseta de observación de aves.

A Xunta de Goberno tamén renovou o convenio de 210.000 euros coa Fanpa para a realización de actividades e o mantemento dos comedores escolares nos colexios de infantil e primaria; e aprobou a liña de subvención para as entidades sen ánimo de lucro que realizan labores no eido da cultura durante o ano 2018. A contía global destas axudas é de 30.000 euros.