Contratos de escasa duración e precariedade laboral, o "engano" que atopan os sindicatos detrás do descenso do paro

Pontevedra
05 de maio 2021

CIG e CC.OO. consideran que o descenso do paro no mes de abril é un engano baseado na precarización de determinados sectores e reclaman á Xunta de Galicia medidas que fomenten a creación de emprego e apoio aos sectores produtivos

Manifestación da UGT e Comisións Obreiras Cristina Saiz

Preocupación entre as seccións comarcais dos sindicatos en Pontevedra a pesar da baixada das cifras de persoas desempregadas durante o mes de abril. 

Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, móstrase moi crítico coas cifras porque, a pesar de ser números positivos polo descenso do paro, considera que é un engano xa que existe unha "precarización absoluta" no sector servizos.

Segundo manifesta, durante o último mes á sede do sindicato nacionalista chegaron sobre todo mulleres denunciando contratos con duración de días ou de horas para traballar no sector servizos durante a Semana Santa. Conde indica que esta situación baixa os datos da lista do paro pero esconde os problemas que afronta o sector servizos e a poboación feminina.

Denuncia tamén que o control de horarios desapareceu debido á pandemia e que numerosos empregados cotizan por catro horas pero están obrigados a traballar unha xornada laboral completa sen que a administración regule estas situacións.

Marcos Conde considera que "non hai nada de que felicitarse" e demanda á Xunta que adopte medidas para incrementar o emprego e para evitar esta precariedade.

COMISIÓNS OBREIRAS

Pola súa parte  Maica Bouza, secretaria de  Emprego de CC. OO., alerta do abandono do mercado laboral galego e da elevada precariedade laboral que se detectan nos datos de abril. Rexistráronse 65.622 contratos durante este mes, aproximadamente vinte por cada un dos 3260 empregos creados. Unhas cifras que mostran a "escasa duración" de cada contrato.

Reclaman á Xunta de Galicia que leve a cabo políticas de apoio aos sectores produtivos compasando a recuperación sanitaria coa económica.

Bouza lembrou que o desemprego se reduce menos entre as mulleres, 5.043 paradas menos (-4,86%), que entre os homes, 4.898 menos (-6,37%). E observa que a contratación temporal  creción un 10,19% mentres que a indefinida baixou nun 19,07% na comunidade autónoma.