A contorna do ambulatorio Virxe Peregrina e da Subdelegación do Goberno foron escenario este venres de senllas concentracións promovidas polo sindicato Comisións Obreiras en defensa dunha Atención Primaria presencial e con máis medios, así como dunha protesta contra a falta de pagamentos que sofren as traballadoras da limpeza da sede de Tráfico en Pontevedra.
"Defendemos unha atención primaria de máis calidade, universal e accesible para os maiores", reclama Mercedes Márquez, secretaria de organizacion da sección de pensionistas e xubilados da comarca de Pontevedra de CC.OO. "Temos un problema derivado da pandemia que é que se suprimiron probas e revisións", protesta en contra da xeneralización do sistema telefónica e da falta de citas presenciais.
"Atopamos inconvenientes para acudir ao médico e solucionar os nosos problemas, queremos que a atención sexa presencial", esixen desde o sindicato pedindo un incremento do orzamento da sanidade pública do 25 % ao longo do próximos cinco anos.
Unha hora máis tarde, fronte á Subdelegación, tivo lugar outra protesta contra a empresa Yaunde, adxudicataria do contrato de limpeza da sede de Tráfico da Garda Civil da DXT en Galicia, Asturias e Cantabria.
Denuncian desde o sindicato, que a empresa leva meses acumulando atrasos no pago das nóminas e lonxe de solucionar o problema, as traballadoras viron como empeoraba ao non percibir o seu salario do mes de setembro e, a dous días para concluír outubro, tampouco cobraron esta mensualidade.
"Buscaremos que lle quiten a adxudicación ou lle abran un expediente para adjudicarsela a outra empresa aínda que sexa provisional", propón Isaac Gutierrez, secretario xeral da Federación de Servizos de Pontevedra de CC. OO.
Alerta o sindicalista que se o conflito non se resolve pronto "podémonos atopar cunha situación moi complicada". Para resolvelo compaxinarán concentracións como a deste venres con contactos coa adxudicataria como coa DXT para que estuden o caso con urxencia, abran expediente á empresa e busquen solucións. "Non vale todo en contratación pública, hai que garantir os dereitos dos traballadores", esixen desde Comisións.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.