A Deputación de Pontevedra convida a familias, persoas e entidades a "sacar do caixón" imaxes, cartas e documentos que estean relacionados coa memoria histórica e, máis en concreto, co golpe de estado de 1936, do tempo inmediatamente anterior e da represión da ditadura.
"Queremos que saia do ámbito privado para chegar a sociedade en xeral e á sede investigadora do país e do estado", indicou a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, durante a presentación da iniciativa 'Cae de caixón', que pretende "recuperar a memoria daquel tempo da maneira máis directa posible con de documentos, fotos, autobiografías, diarios ou cartas das vítimas".
Por iso, convida a todas as persoas que teñan material desta época a que se poñan en contacto co departamento e ceda ese material que "igual para a familia son só fotografías, pero para o resto da sociedade é parte da historia dun tempo que non podemos esquecer".
Esta cesión será durante un período determinado, só o tempo que les leve dixitalizar todo o material. Unha vez feito, será devolto ás familias, que recibirán os orixinais e un USB co material en formato dixital.
"Para nós, cae de caixón que a memoria non pode seguir baixo chave, senón que hai que poñela a disposición pública", concluíu Ortega, dando paso a Emma, filla de Nieves Martínez, unha das protagonistas deste arquivo.
Nieves Martínez, segundo explicou Emma, foi unha das mulleres as que raparon en 1936 porque o seu pai pertencía á corporación municipal de Marín no ano 1931 e traballaba nos ceminterios. Alí mandou retirar os símbolos relixiosos, creando moita polémica. De feito, fixeron unha redada buscando na súa casa as camisas azuis que tiña, pero como non atoparon ningunha, levaron as súas fillas e rapáronas. Para que non fora un escarnio na vila velas sen pelo, enviáronas fora e, unha vez creceulle, regresou e foi directa a sacarse unha foto que cedeu á Deputación.
Finalmente, a Xefa do Departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Ana Vicente, explicou que, "dada a transcendencia que vai ter este proxecto, as familias serán tratadas con respecto e dignidade" e engadiu que "moitas veces unha soa imaxe ten máis transcendencia que un fondo con moitas imaxes".
Todas as persoas que queiran enviar a súa documentación poderán poñerse en contacto a través do correo electrónico [email protected].