Convocada unha concentración para defender a Atención Primaria no centro de saúde de Moraña

Umia
24 de novembro 2021

Os grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE de Moraña, "ante a situación de precariedade asistencial que se está a producir no centro de saúde de Moraña a consecuencia das políticas de recortes do PP na Xunta de Galicia", convocan unha concentración veciñal para o vindeiro sábado 27 de novembro ás 12:00  horas diante do centro de saúde

Centro de Saúde de Moraña
Centro de Saúde de Moraña / PSdeG de Moraña

Os grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE de Moraña, "ante a situación de precariedade asistencial que se está a producir no centro de saúde de Moraña a consecuencia das políticas de recortes do PP na Xunta de Galicia", convocan unha concentración veciñal para o vindeiro sábado 27 de novembro ás 12:00  horas diante do centro de saúde.

A protesta pretende deixar constancia do malestar dos usuarios do centro de saúde "que ven como a diario o SERGAS limita  os medios e o persoal sanitario que nos corresponde". 

O BNG e o PSOE denuncian a falta de servizo de pediatría, que unha das prazas médicas continúa sen estar cuberta despois da recente xubilación dunha das doutoras, que non se cobren as baixas do persoal ou son cubertas nun horario reducido e que "o persoal sanitario está desbordado pola mala xestión da Xerencia de Atención Primaria, atendendo de media a máis de 50 pacientes diarios". 

Engaden ademáis que o persoal sanitario e de enfermería non é suficiente para desenvolver o seu traballo diario no centro de saúde ademáis de atender de forma domiciliaria aos pacientes que o necesitan. A isto hai que sumarlle os desprazamentos aos domicilios para as campañas específicas de vacinación da gripe e da covid-19. 

"Ante todos estes problemas, a Consellería de Sanidade anuncia unha ampliación de salas médicas, incapaz de dar resposta ás demandas reais e de poñer fin aos graves problemas existentes porque, para qué queremos máis salas médicas se non temos médicos?", sinalan nun comunicado conxunto asinado polo voceiro do BNG, Marcos Suárez e o do Partido Socialista, Xoel Souto.