Concentración en defensa da Atención Primaria ante o centro de saúde de Moraña

Umia
27 de novembro 2021

Máis de 200 persoas manifestáronse na mañá deste sábado diante da instalación sanitaria convocadas por varios colectivos. Reclaman unha atención sanitaria digna, a volta do pediatra a este centro sanitario, o terceiro médico e que rematen as listas de espera actuais

Protesta ante o Centro de Saúde de Moraña
Protesta ante o Centro de Saúde de Moraña / BNG

Este sábado rexistrábase unha concentración cidadá ante o centro de saúde de Moraña, unha convocatoria á que concorreron máis de duascentas persoas reclamando melloras na Atención Primaria. Denuncian que este centro sanitario está a sufrir a política de recortes e de desmantelamento por parte do goberno galego.

Marcos Suárez, portavoz do BNG, rexeitaba a ampliación do centro de saúde que o alcalde popular José Cela e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, defenden. Os manifestantes afirman que os residentes no municipio teñen outras prioridades.

A lista de peticións fai referencia á reposición dunha praza médica, despois da xubilación dunha das doutoras que prestaba servizo no centro de saúde; a reposición dunha praza médica por baixa en horario reducido e a cobertura das baixas do persoal.

Solicitan que se cubran as tres prazas médicas que corresponden ao municipio e tamén a do servizo de pediatría; ademais de dotar de persoal de enfermería suficiente e de servizos xerais.

Sinalan que se amortizou unha das prazas de servizos xerais, que consideran imprescindible para o Concello. Ante estas situacións, denuncian o esgotamento do persoal sanitario debido á "incompetente xestión" da xerencia de Atención Primaria ao non contratar ao persoal necesario.

Alertan de que o centro de saúde en numerosas xornadas conta unicamente cun profesional médico e o persoal sanitario e de enfermería resulta "insuficiente" para atender a demanda cidadá, co agravante de que o persoal ten que  antender a pacientes con desprazamentos aos seus domicilios para cumprir con cámpalas de vacinación da gripe e da covid-19.

Piden que se poña solución ás colas na rúa para acceder ao centro de saúde e coas dificultades telefónicas para contactar con este centro. Ademais esixen que finalicen as listas de espera de semanas, incompatibles coa Atención Primaria e que, segundo entenden, colapsan os PAC e os servizos de urxencias hospitalarias.