Convocada unha reunión telemática para abordar a situación do proxecto do parque eólico do Monte Castrove

Poio
02 de agosto 2021

A responsable da Concellería de Participación Veciñal, Silvia Díaz, informa de que o encontro virtual terá lugar o xoves 5 de agosto, a partir das 20.00 horas, no que se dará traslado nos mecanismos que a Administración local pon a disposición da veciñanza para consultar o proxecto e presentar alegacións

Aeroxerador
Aeroxerador

O Concello de Poio celebrará o vindeiro xoves, día 5 de agosto, unha reunión telemática, na que se abordará a situación do proxecto do parque eólico que se pretende instalar no Monte Castrove. 

O obxectivo deste encontro virtual é dar a coñecer o tecido asociativo do municipio a postura do Concello contra esta actuación. 

Ademais, tamén se achegará información sobre o devandito proxecto e se darán a coñecer os mecanismos que a Administración municipal porá a disposición daqueles veciños e colectivos que estean interesados tanto en consultar a documentación como na presentación de alegacións. Os detalles do proxecto pódense consultar xa na páxina web da Consellería de Medio Ambiente.

A reunión levarase a cabo a través da plataforma dixital ZOOM e comezará ás 20.00 horas. As persoas que desexen conectarse á mesma deberán enviar previamente un correo a [email protected] , no que deberá constar unha dirección de mail, á cal se lle remitirá a ligazón de ZOOM uns minutos antes do inicio do encontro on line. 

Por outra banda, nos vindeiros días volverá a convocarse a Xunta de Portavoces para continuar traballando na elaboración dunha alegación conxunta a través das achegas de todos os grupos da Corporación municipal, tal e como se acordou no último Pleno ordinario, no que tamén se aprobou impulsar unha declaración institucional en favor das persoas afectadas polo proxecto.

 

Arquivado en