Convocada unha xornada de limpeza de plásticos nas praias de Poio

Poio
23 de marzo 2026

A quedada, que conta coa colaboración de Protección Civil de Poio, será ás 9.30 horas do sábado 28 de marzo na contorna do campo de fútbol da Reiboa

Convocatoria dunha xornada de recollida de residuos nas praias de Poio
Convocatoria dunha xornada de recollida de residuos nas praias de Poio / Concello de Poio

A cidadanía de Poio está chamada a participar nunha nova xornada de retirada de plásticos e outros residuos das súas praias.

A convocatoria parte do Concello de Poio e conta coa colaboración e coordinación de Protección Civil, co obxectivo de frear o impacto ambiental que provocan os residuos arrastrados á costa durante os temporais do último inverno.

A actividade desenvolverase o vindeiro sábado 28 de marzo, con encontro dos participantes ás 9.30 horas da mañá na zona do campo de fútbol da Reiboa.

Desde ese punto, informa o Concello, organizaranse grupos de traballo que serán distribuídos por todo o litoral, desde Ostreira até Campelo pasando por Cabeceira e Lourido.

"Retiramos algas e restos naturais con maquinaria pesada, pero preocupa especialmente a cantidade de plásticos que están chegando á costa. É fundamental impedir que volvan ao mar, e para iso é clave implicar á cidadanía e reforzar a sensibilización sobre a importancia de recoller e reciclar", explicou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, e representantes de Protección Civil e das marsicadoras do municipio.

Unhas xornadas que "ademais de retirar residuos, serven para concienciar sobre o impacto dos plásticos no noso medio natural. A súa presenza ten consecuencias moi graves para o marisqueo, as praias e o ecosistema mariño", defende o rexedor.

Recoméndase aos participantes que acudan con roupa cómoda, gorra, protección solar, auga e luvas.

Na anterior convocatoria de similares características impulsado polo Concello de Poio, tras os temporais de finais de 2023, participaron na recollida de residuos preto dun cento de persoas, logrando retirar case tres toneladas de plásticos das praias.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora