Convocadas novas subvencións da ARI de Caldas de Reis

Umia
04 de maio 2022

O Concello de Caldas de Reis abriu esta semana o prazo de tres meses para presentar solicitudes de subvencións para rehabilitacións de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) da vila

Centro histórico de Caldas de Reis
Centro histórico de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis abriu esta semana o prazo de tres meses para presentar solicitudes de subvencións para rehabilitacións de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) da vila.

O programa conta cun orzamento de 250.000 euros, con financiamento do Programa de Rexeneración e Renovación Urbana e Rural do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, e concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva.

Na Comisión Bilateral da ARI programouse a rehabilitación de 50 vivendas nesta terceira fase, estimándose un custo total de 500.000 euros, cunha axuda máxima de 250.000 euros, dos que 200.000 proceden do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, e 50.000 euros do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.

Para ser beneficiarios desta liña de subvencións o inmoble debe estar dentro do ámbito da ARI e ser destinado a un uso residencial. As obras poden ser de rehabilitación ou para a mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade. As obras poderanse beneficiar tamén dunha bonificación do 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

As persoas interesadas poden asesorarse solicitando cita previa na Oficina Técnica da ARI a través do teléfono de avisos do Concello: 647 574 316; ou por email: [email protected]

O alcalde, Juan Manuel Rey, subliña "a importancia destas subvencións para continuar co imparable proceso de rehabilitación e mellora das vivendas de centro histórico de Caldas, e convidou á veciñanza a aproveitar estas axudas e a utilizar o asesoramento técnico da oficina da ARI dirixida pola arquitecta María Pierres".