Numerosas localidades galegas acollerán mobilizacións este xoves 21 para rexeitar a política forestal do Partido Popular "que queima os nosos montes e as nosas casas".
A iniciativa está promovida pola plataforma 'Por un monte galego con futuro' ante a actual vaga de lumes e incluirá un total de 28 concentracións por toda Galicia a partir das 20:00 horas.
Entre outras, están convocadas protestas en Pontevedra, na Praza da Peregrina; en Ponte Caldelas, na Alameda e en Vilagarcía, diante do Concello.
Esta plataforma está integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións. Naceu en 2018 para promover varias iniciativas lexislativas populares de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta.
Nestas mobilizacións tamén se trasladará a solidariedade tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, "que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios".
Segundo os convocantes, con estas protestas en resposta á "traxedia ambiental, social, cultural e económica" que provocan os lumes preténdese evidenciar que entre as múltiples causas que están na súa orixe, como a mudanza climática, o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias.
Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha "moratoria indefinida".
Con esta iniciativa tamén se quere denunciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) "é unha ferramenta inútil", que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal de Galicia "no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural".
Finalmente, inciden en que "a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentable coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor".