Convocados os propietarios de leiras afectadas para o pago de expropiacións en Marín, Poio e Sanxenxo

Marín
19 de novembro 2018

Os propietarios dos terreos da obra da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán deberán achegarse o 20 de decembro á Casa Consistorial de Marín. Os afectados pola reforma da PO-308 en Covelo están citados o 18 de decembro en Sanxenxo e o 18 e o 19 en Poio

Estrada PO-308 en Covelo
Estrada PO-308 en Covelo / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia publicou este luns o anuncio para convocar o próximo 20 de decembro os propietarios dos terreos afectados pola construción da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, en Marín. Nesa data a administración autonómica pagará os depósitos previos.

Os titulares dos terreos deberán achegarse ao edificio do Concello de Marín, nun horario entre as 10.20 e as 14.00 horas. O orzamento que manexa a Consellería de Infraestruturas é de máis de 740.000 euros e case 17.000 destínanse ás expropiacións. 

Esta senda estará destinada para peóns e ciclistas non deportivos e acometerase na marxe dereita da estrada PO-551, entre o punto quilométrico 6+260 e o límite municipal na parroquia de Ardán co Concello de Bueu. O itinerario contará con 1.450 metros de lonxitude e proxectarase en formigón coloreado cun ancho, en xeral, de dous metros.

Tamén está prevista a creación dunha pasarela de madeira para saltar un regato. Ademais canalizaranse as augas de drenaxe. Na zona final do proxecto, preto da praia de Lapamán, instalarase unha banda de aparcadoiro en liña, paralelo á estrada, con ao redor de 35 prazas.

OBRAS DE SEGURIDADE NA PO-308

A Xunta tamén convocou os propietarios de leiras afectadas polas obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308 para o pago de depósitos previos.

Os titulares da zona de Sanxenxo deberán achegarse ao Concello o día 18 de decembro, mentres que os de Poio están convocados para os días 18 e 19 de decembro na Casa Consistorial deste municipio.

A obra busca a mellora da seguridade entre o peirao de Covelo e o miradoiro da Granxa. Foi adxudicada por máis de 1,2 millóns de euros e os traballos céntranse na execución dunha semirotonda no acceso ao peirao e unha glorieta no cruce coa PO-303 en Samieira.