A senda peonil entre Vilaseca e Lapamán estará rematada no verán

Marín
28 de febreiro 2019

Sinala que se habilitará unha banda de aparcadoiro en liña cunhas 35 prazas, na zona da praia de Lapamán, para facilitar o estacionamento nesta área

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade / Mónica Patxot

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou este xoves a senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, en Marín, que estará a disposición dos veciños e dos turistas no verán.

Nestes momentos os traballos, que comezaron este mes, xa se centraron na metade dos muros de contención, que se fan para gañar espazo para a senda. A continuación, a senda construirase pola marxe dereita da estrada, polo lado do mar e será en formigón coloreado para que sexa facilmente visible por todos os usuarios, tamén por parte dos condutores.

Ademais, uns metros máis adiante, na parroquia de Ardán, o itinerario atravesa un pequeno rego, nese punto está prevista unha pasarela de madeira, que irá ancorada á estrutura da ponte xa existente.

Tamén se habilitará unha banda de aparcadoiro en liña, nas proximidades da praia de Lapamán, paralelo á estrada e cunhas 35 prazas.

Por outra banda a conselleira anunciou que nas vindeiras semanas comezarán as obras da rúa Concepción Arenal, para a que se asinou un convenio co Concello o pasado ano.