Senda peonil e aparcamentos para a praia de Lapamán

Marín
26 de xuño 2019

O itinerario terá unha lonxitude de 1,5 quilómetros e mellorará a seguridade viaria da PO-551

Construcción dunha senda peonil a Lapamán
Construcción dunha senda peonil a Lapamán / Concello de Marín

A praia de Lapamán contará cunha senda peonil e máis aparcamentos para esta tempada de verán. Os operarios traballan estes días na construción dun itinerario paralelo á marxe dereito da estrada PO-551, no lado máis próximo ao mar, que conectará o lugar de Vilaseca co cruzamento que conduce á entrada do areal.

Trátase dun vial de 1,5 quilómetros de lonxitude que incrementará a seguridade viaria na zona e que permitirá a creación dunhas 35 prazas de aparcamento en paralelo para facilitar o acceso á praia de bañistas e veciños.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou nun comunicado que os traballos "avanzan a bo ritmo". As obras de construción dos muros de contención levantados para gañar espazo para o paseo atópanse xa terminados. Agora os operarios están a encargarse de hormigonar o pavimento que terá unha cor vermella para que sexa facilmente identificables por usuarios e condutores.

Así mesmo, ao seu paso pola parroquia de Ardán, a senda atravesa un pequeno arroio e para salvalo está prevista a construción dunha pasarela de madeira ancorada á estrutura da ponte xa existente para poder dar continuidade á senda peonil.

O proxecto conta cun orzamento de 750.000 euros achegados na súa totalidade pola Xunta de Galicia. Non é o único plan para mellorar a seguridade viaria nesta estrada. O cruzamento entre a PO-551 e o acceso á praia de  Lapamán é un dos puntos negros desta estrada e para poñerlle solución está prevista a construción dunha rotonda nesta intersección.