O Concello de Marín informou que "avanzan a bo ritmo" as obras da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán. Trátase dun itinerario de case 1,5 km que se está a construir pola marxe dereita da estrada, dotándoo de muros de contención e unha banda de aparcadoiros en liña, unhas 35 prazas, nas proximidades da praia de Lapamán.
Esta senda, xunto coa outra prevista entre Bagüín e Seixo, dará continuidade aos treitos de beirarrúa e permitirá que veciños e turistas dispoñan dun itinerario a pé que percorrerá Marín ao completo pola costa.
A estas dúas sendas sumaranse as outras dúas que se construirán na estrada que vai cara a Moaña, a PO-313, concretamente nos treitos Coirados-Pardavila, cuxo proxecto está agora mesmo en redacción, e Pardavila-Cadro.
Para a súa execución expropiáronse 44 fincas co obxectivo de completar a tramitación necesaria para realizar as actuacións.