As asociacións de nais e pais de centros educativos de Vilagarcía de Arousa convocan unha concentración reivindicativa este sábado 6 de setembro ás 12:00 horas na Praza de Galicia para protestar contra a falta de solucións por parte da Xunta de Galicia aos problemas de horarios e transporte escolar que afectan na actividade de varios centros escolares do municipio.
A iniciativa parte da ANPA Casanova do CEIP de Rubiáns, que reclama "un horario xusto ao igual co que contan o resto dos centros do noso concello" e conta co apoio de oito asociacións máis: A Xunqueira do CEIP A Lomba, Alonga do CEIP Arealonga, O Piñeiro do CEIP O Piñeiriño, As Briñas do IES de Carril, San Martiño de Sobrán do CEIP Vilaxoán, Rosalía de Castro do CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro, A Escardia do CEIP A Escardia, e familias do IES Armando Cotarelo Valledor.
O conflito céntrase nos horarios lectivos do centro de Rubiáns, unha situación que se arrastra desde hai case vinte anos con promesas incumpridas por parte das administracións, segundo o colectivo convocante.
A ANPA Casanova emitiu un duro comunicado nas últimas horas contra a Xunta de Galicia, á que acusan de "deixadez" e "pasividade" por non resolver o problema dos horarios lectivos.
Segundo as familias afectadas, a Consellería de Educación, a través do xefe territorial César Pérez Ares, afirmou que para modificar os horarios de Rubiáns habería que cambiar tamén os de A Lomba e o Arealonga, proposta que foi rexeitada polos claustros e consellos escolares de ambos centros.
A ANPA sinala que o problema resolveríase facilmente se a Xunta contratase un autobús máis, cun custo anual de 60.000 euros, oportunidade que tiveron ao saír a licitación un novo contrato de transporte escolar pero que finalmente non se materializou.
As familias denuncian que a situación afecta especialmente o alumnado de Infantil, onde xa se están recortando minutos lectivos para garantir que os nenos teñan tempo apropiado para comer antes de subir ao autobús ás 15:30 horas. A decisión final sobre os horarios non depende do colexio, senón da empresa de transporte e, en última instancia, da Consellería de Mobilidade.
A concentración pretende visibilizar o conflito antes do inicio do curso o vindeiro luns 8 de setembro, coa esperanza de que a presión social leve á Xunta a buscar unha solución definitiva a este problema.