Convocan unha concentración este xoves ante a Subdelegación para demandar máis reunións da mesa de diálogo de ENCE

Pontevedra
21 de xullo 2021

O comité de empresa da fábrica de Ence en Lourizán continúa coa protesta na rúa para buscar solucións ao futuro da factoría. A convocatoria está aberta tanto a persoal da factoría como ás empresas e particulares que poderían estar afectados por un posible peche das instalacións pasteiras na ría pontevedresa

Concentración do comité de empresa da fábrica de Ence para demandar unha nova Mesa de traballo
Concentración do comité de empresa da fábrica de Ence para demandar unha nova Mesa de traballo

Ás 11.00 horas deste xoves 22 de xullo está convocada unha nova concentración por parte do comité de empresa da fábrica de Ence ante a Subdelegación do Goberno coa intención de reclamar ao Ministerio de Transición Ecolóxica unha nova reunión da mesa de diálogo sobre o futuro da explotación industrial de Lourizán. A convocatoria está aberta tanto ao persoal da factoría como a traballadores de empresas auxiliares e particulares que se vexan afectados por un posible peche da pasteira situada na ría.

Pablo Bacariza, secretario  do comité de empresa, sinala que despois da protesta realizada o luns 19 diante do edificio gobernamental non recibiron resposta da subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Ante este silencio, esixen unha resposta da administración central para buscar solucións ante a situación de incerteza en que se atopa a fábrica coa publicación da sentenza da Audiencia Nacional na que se declaraba ilegal a prórroga da fábrica para manterse nas actuais instalacións de Lourizán.

Está previsto que este mesmo xoves, os representantes do comité manteñan unha reunión co presidente e conselleiro delegado de Ence para tentar aclarar as perspectivas que se presentan pero, segundo indica  Bacariza, a entidade pasteira centra os seus esforzos en preparar os recursos xudiciais que se presentarán ante o Tribunal Supremo en relación coa sentenza da Audiencia Nacional.

"Queremos unha mesa de diálogo como sucede con Alcoa", afirma Pablo  Bacariza, coa idea de que se poidan seguir discutindo os problemas laborais que se presentan #ante a nova situación. A primeira reunión desta mesa de diálogo desenvolveuse o 21 de abril coa ministra Teresa Ribera á fronte dun encontro mantido con representantes da empresa, da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e sindicatos. A falta de noticias sobre novas convocatorias preocupa ao comité de empresa da fábrica, liderado por CIG e UXT.

Bacariza evitou "entrar en polémica" e non quixo contestar as críticas manifestadas por Comisións Obreiras, a través da presidenta do comité de empresa de oficinas centrais Ana Cedeira e José Luis García Pedrosa, secretario de organización comarcal de CC. OO. sobre a actuación dos outros sindicatos. Pero si indicou que non entende por que desde Comisións Obreiras se rexeita a mesa de diálogo e despois reclaman espazo para asistir á convocatoria.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en