Convocan unha concentración para esixir máis persoal de Atención Primaria e Pediatría no centro de saúde de Arcade

Soutomaior
08 de decembro 2023

O BNG convoca esta acción de protesta para o venres 15 de decembro a partir das 20.00 horas. A formación nacionalista denuncia que o municipio de Soutomaior leva un ano sen pediatra

Centro de saúde de Arcade
Centro de saúde de Arcade / Concello de Soutomaior - Arquivo

O BNG convoca unha concentración para o vindeiro venres 15 de decembro ás 20.00 horas con motivo de que se cumpre un ano sen servizo de pediatría en Soutomaior.

A formación nacionalista demanda á Xunta de Galicia que dote de máis persoal sanitario ao centro de saúde de Arcade, reclamando principal atención no servizo de pediatría.

A concentración realizarase ante as portas do centro sanitario onde, segundo denuncian, leva anos con tres médicos para atender os pacientes.

Denuncian que a Consellería de Sanidade decidiu non buscar unha solución definitiva ás carencias de persoal que presenta este centro de saúde ao entender que opta por ofrecer parches que "en absoluto responden á situación que vive o noso concello".

Sinalan que para unha cita médica a espera media se sitúa en dez ou once días neste centro de saúde e, no caso dos menores, non se atendan as urxencias obrigando ás familias para trasladarse a Pontevedra. 

José Costas, responsable local do BNG, lembra que o BNG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para o ano 2024 para que se incorpore máis persoal sanitario de Atención Primaria e de Pediatría en Arcade.