A indignación e malestar mostrada por un grupo de pais ante as medidas organizativas propostas para os cursos de Bacharelato no IES Sánchez Cantón deu paso ás accións de protesta.
Este grupo dirixiu un escrito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra solicitando permiso para realizar unha concentración de protesta o vindeiro martes 22 de setembro (12.30 horas) fronte á sede da Xunta en Campolongo, onde se atopa a delegación da Consellería de Educación.
Entenden estes pais que o horario do alumnado de primeiro e segundo de Bacharelato está baseado na semipresencialidade, coa metade das horas de clase que lles corresponderían segundo a lexislación, o que deixaría aos seus fillos nunha situación de desigualdade para enfrontarse a final de curso ás probas da ABAU de acceso á universidade.
"O motivo da convocatoria é a vulneración do dereito á igualdade na educación debido á falta de contratación de profesorado para posibilitar o ensino presencial en condicións de seguridade de acordo cos protocolos establecidos para evitar a expansión da COVID-19", explican no escrito.
Así mesmo garanten que a concentración, á que están chamados pais, alumnos e profesores do centro educativo, cumprirá as medidas sanitarias de distanciamento social e uso de máscara, mantendo a orde pública.
Ademais explican que o motivo de convocar a protesta con pouca antelación débese ao "comezo inmediato do curso escolar en Bacharelato a partir do próximo día 23 de setembro sen que houbese coñecemento pola parte interesada coa anterioridade suficiente para a adopción doutras medidas".