A comunidade educativa dos institutos con maior historia e número de alumnos de Pontevedra, IES Sánchez Cantón e IES Valle-Inclán, están en pé de guerra contra a esperpéntica solución da Xunta de implantar un modelo semipresencial para resolver a falta de espazo, medios e profesorado para adaptar estes estudos á nova normalidade provocada pola pandemia da Covid-19.
A comunidade educativa esixe a implantación dun modelo presencial e critican que esta nova modalidade nun curso tan decisivo como segundo de bacharelato deixará aos afectados en inferioridade de condicións á hora de preparar as probas de acceso á universidade. Denuncian ademais que durante as horas lectivas que están nas súas casas non existe ningún tipo de contido dixital nin un programa para seguir máis aló dos deberes que encarguen os docentes.
"Actualmente non temos nin semipresencialidade porque iso implicaría que ademais das calses presenciais, teriamos clases telemáticas e non as temos. Non hai ningún servizo de streaming, que é o que demandamos mentres non consigamos a presencialidade, para seguir as clases que ten a outro quenda", expón Paula Alonso, alumna de segundo de bacharelato do IES Valle-Inclán.
Os familiares dos alumnos denuncian tamén esta perda de clases que están a sufrir os menores. "Nesas tres horas de clase non presencial teñen tarefas. Iso quere dicir que son deberes que fan na casa, pero iso non é ensino regulado. Non hai outras opcións nin telemáticas, nin unha aula virtual desenvolvida", detalla Ramón López, portavoz do colectivo de pais e nais do IES Sánchez Cantón.
O principal temor da comunidade educativa, á marxe da discriminación en comparación con outros centros educativos galegos, pasa pola preparación das ABAU, que terán lugar ao acabar o segundo curso de bacharelato. "Os pais e alumnos estamos a promover varias accións para igualar a xornada lectiva co fin de que non haxa desigualdade na educación co prexuízo para as futuras probas de acceso á universidade entre alumnos da mesma provincia e mesmo da mesma cidade", recolle o comunicado realizado polo colectivo de pais e nais do IES Valle-Inclán que este mércores uniuse á concentración convocada fronte ao Sánchez Cantón.
Unha das medidas postas en marcha consiste nunha recollida de firmas a través da plataforma Change.org, así como unha petición oficial para reunirse cos responsables de Educación da Xunta en Pontevedra. "Xa lle mandamos comunicación dúas veces a Consellería para que nos reciban, pero non tivemos resposta", lamenta López, quen asegura que seguirán en pé de guerra para que as súas reivindicacións sexan atendidas.
Á concentración realizada durante a tarde deste mércores na pontevedresa rúa Reina Vitoria acudiron preto dun centenar de persoas, entre os que se atopaban membros da comunidade educaitva de ambos os institutos pero tamén concelleiros do PSOE e BNG para mostrar o seu apoio ás peticións dos afectados