Representantes do colectivo de nais e pais de alumnos do IES Sánchez Cantón e IES Valle Inclán afectados polo réxime semipresencial para o bacharelato imposto pola Xunta nestes centros reuníronse este venres co deputado do BNG Luís Bará e o responsable comarcal do partido, Demetrio Gómez, quen lle expresou o seu apoio na loita que manteñen por conseguir un curso completamente presencial.
Bará comparte a postura dos afectados, que denuncian que a medida de semipresencialidad é inaceptable porque non garante un ensino de calidade e deixa ao alumnado nunha situación de desvantaxe á hora de afrontar as probas de acceso á universidade.
Alertou o parlamentario nacionalista sobre a dubidosa legalidade desta medida que non ten ningún soporte legal e que non cumpre coas 32 horas de ensino obrigatorio ás que teñen dereito cada un dos alumnos galegos de bacharelato.
Fronte a esta situación, o Bloque asegura que apoiará con todos os medios ao seu alcance a demanda dun curso 100 % presencial igual ao do resto do estudantado de Galicia.
Por outra banda, o nacionalista trasladou aos proxenitores unha batería de iniciativas relacionadas con esta situación que o partido xa presentou no Parlamento Galego o 24 de setembro para tratar de obrigar ao goberno autonómico a solucionar esta " gravísima" situación.