As protestas da comunidade educativa dos institutos Sánchez Cantón e Valle Inclán de Pontevedra chegan á axenda política.
Despois de protagonizar varias accións para expresar o seu rexeitamento á implantación dun ensino semipresencial para resolver a falta de espazo, medios e profesorado dos centros, dúas formacións políticas como o BNG e o Partido Popular anuncian que se reunirán con pais e nais destes institutos.
Por unha banda a formación nacionalista farao este mesmo venres ás 11.30 horas, por medio do deputado autonómico Luís Bará e o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez.
En canto ao Partido Popular de Pontevedra, sen revelar data, o seu presidente local Rafa Domínguez xunto á súa compañeira Pepa Pardo anuncian un encontro con familiares dos alumnos afectados.
"Entendemos as demandas do colectivo e comprendemos como senten tanto os pais como os alumnos. Queremos avanzar cara a unha solución conxunta" sinalou Domínguez.
A principal demanda da comunidade educativa tanto do Valle Inclán como do Sánchez Cantón pasa por pedirlle á Xunta de Galicia que recupere un modelo presencial sobre todo nun curso tan importante como Segundo de Bacharelato, para que os alumnos non cheguen ás probas de acceso á universidade en inferioridade de condicións con respecto a alumnos doutros centros.