Convocan unha protesta en Pontevedra contra o proxecto de parque eólico no Castrove

Pontevedra
05 de decembro 2021

A protesta, que terá lugar o vindeiro sábado 11 de decembro, secunda a convocatoria realizada a nivel galego pola coordinadora 'Eólica Así Non'

Parque eólico
Parque eólico / Juan Mejuto

O vindeiro sábado 11 de decembro a Praza da Peregrina será escenario dunha concentración de protesta contra o proxecto de parque eólico no Monte Castrove e noutros lugares da comarca.

A acción secunda a convocatoria realizada a nivel galego pola coordinadora 'Eólica Así Non', e que en Pontevedra apoian a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Vaipolorío, Adega-Pontevedra, Ecoloxistas en Acción-Rías Baixas e a Federación Ecoloxista Galega ( FEG).

Baixo o lema 'Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non', a protesta terá lugar ás 12.00 horas do mediodía insistindo na necesidade de paralizar os proxectos eólicos na comarca "polo forte impacto ambiental, económico e social que supoñería a súa instalación".

Neste sentido e en relación a O Castrove, as asociacións que asinan a convocatoria pontevedresa piden o rexeitamento definitivo ao proxecto "pola súa incompatibilidade cos valores ambientais e paisaxísticos presentes na área de afección e para evitar os danos sociais e económicos que provocaría".

Arquivado en