Copcisa dá conta ao Concello do estado das obras do colector na Avenida de Ourense

Marín
28 de decembro 2018

O responsable na obra da empresa Copcisa deu conta do estado actual dos complexos traballos que se están a levar a cabo e dos pasos a dar nas vindeiras semanas

Reunión de coordinación dos traballos das obras do colector xeral
Reunión de coordinación dos traballos das obras do colector xeral / Concello de Marín

Este venres tivo lugar a reunión de coordinación dos traballos das obras do colector xeral que actualmente se están realizando na avenida de Ourense.

O responsable na obra da empresa Copcisa deu conta do estado actual dos complexos traballos que se están a levar a cabo e dos pasos a dar nas vindeiras semanas.

Nestes momentos o primeiro tramo ten colocados os tubos de saneamento pero aínda é cedo para proceder ao asfaltado xa que antes hai que esperar a que seque o terreo e a que se superen con éxito as probas de enchido.

No mes de xaneiro abriranse totalmente as gabias correspondentes á segunda fase para as que xa se están realizando as primeiras escavacións.

A medida que avance a obra e se superen etapas iranse reabrindo algunhas zonas de aparcadoiro.

Desde o Concello solicitouse unha mellora nas luces de sinalización e apremouse á empresa para que axilice os traballos para minimizar as molestias.