'Cordóns vexetais' en Santa Cristina de Cobres para que as cinzas dos incendios non cheguen aos ríos

Vilaboa
06 de setembro 2025

As tarefas consisten na instalación de barreiras anticontaminación nas contornas fluviais, como cordóns vexetais a base de pólas e troncos procedentes do entorno afectado polo lume

Ángeles Vázquez visita os traballos para protexer os ríos de Vilaboa das cinzas dos incendios
Ángeles Vázquez visita os traballos para protexer os ríos de Vilaboa das cinzas dos incendios / Xunta de Galicia

Augas de Galicia está a desenvolver unha serie de actuacións en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) para evitar que as cinzas ou madeiras queimadas nos incendios forestais, como consecuencia das choivas do outono, acaben sendo arrastradas ata os ríos.

As tarefas consisten na instalación de barreiras anticontaminación nas contornas fluviais, como cordóns vexetais a base de pólas e troncos procedentes do entorno afectado polo lume.

O obxectivo é crear entramados de biomasa que minimicen a perda de chan e favorezan a pronta implantación de especies vexetais.

A maiores, tamén se están a colocar barreiras de madeira, transversais ao curso da propio canle, en puntos con elevada pendente onde poden resultar efectivas para reducir a velocidade da auga e fixar arrastres.

Ata Cobres, onde se está a actuar para protexer dous regos, acudiu este sábado a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Ángeles Vázquez visita os traballos para protexer os ríos de Vilaboa das cinzas dos incendios
Ángeles Vázquez visita os traballos para protexer os ríos de Vilaboa das cinzas dos incendiosXunta de Galicia

Alí supervisou o estado destes traballos, que permitirán instalar 3.710 metros de cordóns de vexetación e 110 metros de albarradas en 12 puntos da canle.

Ademais, neste caso tamén está previsto acometer labores de restauración en dous puntos nos que se executaron cortalumes, o que supuxo a ocupación da canle por terra e vexetación que agora serán retiradas para estabilizar e naturalizar o espazo.

A Xunta, segundo Vázquez, ordenou que o operativo habitual dedicado ao mantemento e conservación das contornas fluviais de Galicia lle dea prioridade a estas actuacións, que xa se acometeron en municipios como Ponteceso (A Coruña) ou Meaño.

Logo de incidir na importancia de levar a cabo estes traballos antes de que as cinzas se mobilicen como consecuencia das choivas, a conselleira lembrou que Augas de Galicia conta desde hai moitos anos con contratos plurianuais de conservación e mantemento fluvial.

Isto fai posible, indicou a titular de Medio Ambiente, que se poida traballar de xeito continuo ao carón dos ríos e facilita actuar de urxencia en caso necesario, como sucede tras a vaga de lumes deste verán, labores ás que Augas de Galicia destina este ano 2,7 millóns de euros.

Ángeles Vázquez visita os traballos para protexer os ríos de Vilaboa das cinzas dos incendios
Ángeles Vázquez visita os traballos para protexer os ríos de Vilaboa das cinzas dos incendiosXunta de Galicia