Unhas 250 pezas, a 12 euros a unidade ou 4 euros a ración, vanse a servir na 43 edición da Festa do Requeixo da Corredoira, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño.
Esta festa gastronómica, unha das citas culinarias máis antigas do concello xunto a da Filloa de Valongo, organízase desde 1980 e adoita reunir a moitos interesados en degustar un dos contados queixos frescos que se preparan utilizando leite de vaca da propia parroquia.
O presidente da comisión organizadora, Moisés Fraguas, aconsella acudir á festa ben cedo porque as pezas, moi cobizadas ao tratarse de requeixos tradicionais de elaboración propia, sempre se acaban en moi pouco tempo.
"Son pezas únicas, moi frescas e saborosas ao facerse con moita leite, entre 7 e 8 litros por requeixo, e por iso teñen tanta sona", explica Fraguas.
Para facer un requeixo dun quilo bótaselle o callo e logo de estar 24 e 36 horas ponse nun recipiente por onde vai soltando o soro. Está así durante dous días e cando está sólido sácase para comelo fresco con azucre ou mel, "aínda que hai quen lle bota viño ou coñac", segundo o representante da festa.
A festa iniciarase o venres 17 de xuño á noitiña coa venda de churrasco, polbo á feira e o popular requeixo animado pola charanga Charandonga. A partir das 23:30 horas terá lugar a tradicional verbena a cargo das orquestras New York e Los Coleguitas.
O día seguinte, o sábado 18 de xuño, pola mañá celebrarase un pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e ás 13 horas terán lugar os actos relixiosos, seguidos dun concerto da Banda de Música de Cerdedo.
A partir das 20:30 horas terá lugar o I Serán da Corredoira onde participarán grupos folclóricos e pandereteiras de toda a contorna que animarán a festa ata a noite.
O recinto estará cuberto por unha gran carpa sobre terreo asfaltado para maior comodidade dos asistentes.