Dende este primeiro día de xuño, Correos amplía o seu horario de atención ao cliente nun total de 14 oficinas da provincia de Pontevedra. Ademais, a partir deste sábado 6 de xuño, as oficinas postais de Galicia tamén abrirán de 9:30 a 13:00 horas.
Tanto a ampliación de horarios como o incremento das medidas organizativas a nivel interno realízanse para facilitar as xestións relacionadas co voto por correo nas próximas eleccións ao Parlamento Galego do 12 de xullo.
Esta medidas tradúcense en que, dende este luns 1 de xuño, amplían o seu horario habitual de atención ao público nunha hora un total de 7 oficinas da provincia, que permanecerán abertas de 8:00 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. Na cidade de Pontevedra, amplían horario a súa oficina principal da rúa da Oliva e a sucursal da avenida de Lugo. As outras oficinas nas que se aplicará esta medida atópanse en Vilagarcía e tres en Vigo.
Este luns tamén recuperaba o seu horario de tarde a oficina de Marín, que pasa a atender aos clientes en horario completo de 8:30 a 14:30 e de 15:30 a 20:30 horas de luns a venres. Nesta situación atópanse outras 5 oficinas máis na provincia, situadas en Cangas, Lalín, Ponteareas, Porriño e Redondela.
Ademais, para xestionar coa maior axilidade posible a atención aos cidadáns, habilitáronse portelos exclusivos para a xestión do voto nas oficinas con máis afluencia de electores e implementáronse medidas organizativas para atender ao incremento da actividade asociado ao proceso electoral.