Cortan a luz e a auga aos quioscos de Cogami

Pontevedra
31 de decembro 2014

Os traballadores dos quioscos de Rede Galega de Quioscos (Regaki), da Confederación de Persoas con Minusvalidez (Cogami) están a protagonizar unha defensa numantina dos seus postos de traballo. Dende esta semana suman á falta de revistas e xornais para vender o corte na subministración de electricidade e da auga polo non pagamento dos recibos

Quiosco de COGAMI na Praza de Galicia
Quiosco de COGAMI na Praza de Galicia

Os traballadores dos quioscos de Rede Galega de Quioscos (Regaki), da Confederación de Persoas con Discapacidade (Cogami) están a protagonizar unha defensa numantina dos seus postos de traballo. Dende esta semana suman á falta de revistas e xornais para vender o corte na subministración de electricidade e da auga polo non pagamento dos recibos.

Abrigados con mantas estes traballadores seguen acudindo aos quioscos ao igual que levan facendo dende o pasado novembro cando a empresa solicitou un concurso de acredores que incluía un Expediente de Regulación de Emprego.

Para o próximo venres, ás 11.00 horas, estes traballadores protagonizarán un acto reivindicativo de protesta pola súa situación ante o quiosco de Cogami da rúa Rosalía Castro. Alí denunciarán as "prácticas indecentes" da Confederación Galega de Discapacitados (Cogami) cos seus traballadores e a "parcialidade, a favor da empresa", do liquidador concursal, Francisco José Vispo Peiteado.

O equipo pontevedrés leva xa dous meses traballando sen cobrar as súas "precarias nóminas de apenas 600 euros", polo que sopesan tomar medidas legais para defender a súa situación mentres insisiten en que os quioscos son rendibles.

Nun comunicado, CIG denuncia que este grupo de empresas recibiu "2,9 millóns de euros en concepto de subvencións da Xunta de Galicia en 2014 polo seu suposto labor de integración social e laboral de traballadores con discapacidade nos centros especiais de emprego".