A partir deste mertes 16 de setembro, a Rúa Panadeira permanecerá cortada ao tráfico rodado durante uns 15 días debido ás obras de mellora do saneamento e o abastecemento de auga.
A actuación enmárcase dentro das obras do ciclo da auga, cun orzamento de 59.497 euros.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo, durante este tempo, os residentes e quen necesiten acceder aos garaxes poderán facelo a través da Rúa Madrid, que se habilitará en sentido de saída até chegar á rotonda de Miraflores.
Unha vez finalizados estes traballos, darase paso ao proxecto de pavimentación das rúas da contorna do mercado, que inclúe ademais da propia Panadeira, as rúas Cesteiros e Viña da Fonte.
De feito, xa desde este martes está previsto que a empresa adxudicataria comece co levantamento de beirarrúas na Rúa Cesteiros, aínda que neste caso non se verá afectado o tráfico.
Este proxecto global de mellora urbana, valorado en máis de 300.000 euros, contempla tamén a renovación da iluminación pública, a mellora da drenaxe e sinalización viaria, o traslado e adaptación dos semáforos no cruzamento da Rúa do Progreso e a reforma completa das beirarrúas, coa colocación de nova baldosa hidráulica sobre base de formigón
Ademais, co obxectivo de facer estes espazos máis cómodos e seguros, instalarase novo mobiliario urbano e zonas axardinadas con bancos e papeleiras para uso veciñal, varandas de seguridade en Rúa Progreso e na plazoleta de Viña da Fonte e dúas novas zonas verdes que contribuirán a embelecer a contorna.
Con estas melloras, búscase non só renovar as infraestruturas básicas, senón tamén facer máis agradable e accesible esta parte do municipio para veciños e visitantes.