O Concello de Sanxenxo porá en marcha unha importante actuación para renovar e mellorar as instalacións do Punto Limpo "As Cereixeiras".
Os traballos inclúen a renovación do peche perimetral, a construción dun muro de contención e a mellora da canalización de augas pluviais.
O proxecto conta cun orzamento total de 82.038 euros, dos cales 73.443 euros (o 90%) están financiados polos fondos europeos NextGenerationEU.
A empresa encargada de executar a obra será Caldevergazo, e prevese que os traballos estean finalizados nun prazo dun mes.
Actualmente, o peche perimetral do Punto Limpo presenta un estado de deterioración importante, con postes inestables e tramos que necesitan unha intervención urxente. Ademais, na zona frontal da parcela, existe un desnivel que afecta o acceso ás instalacións.
Para solucionalo, construirase un pequeno muro de contención que garantirá a estabilidade do terreo e protexerá tanto a zona de aparcadoiro como o acceso principal.
Doutra banda, no lindero leste do recinto, a diferenza de altura cunha leira lindeira provoca filtracións de auga durante os episodios de choiva. Para evitalo, levará a cabo unha canalización superficial que redirixirá as augas pluviais cara á rede de evacuación, evitando así que entren no recinto e afecten o funcionamento das instalacións.
O Concello de Sanxenxo enmarca esta actuación como un reforzo do seu compromiso co medio ambiente, a seguridade e o mantemento das súas infraestruturas municipais.