O Corvo de Coralia, a nova estrela do Entroido en Barro

Barro
20 de febreiro 2025

Inspirado nun famoso corvo que viviu no lugar do Curuto e que, segundo contan, tiña o don da palabra, este personaxe simboliza o espírito burlón e festivo propio do Entroido

Presentación do cartel do Entroido de Barro
Presentación do cartel do Entroido de Barro / Concello de Barro

O Entroido de Barro deste ano terá unha figura protagonista moi especial: o Corvo de Coralia.

Inspirado nun famoso corvo que viviu no lugar do Curuto e que, segundo contan, tiña o don da palabra, este personaxe simboliza o espírito burlón e festivo propio do Entroido.

O Concello de Barro quixo rescatar esta historia local para convertela no eixo central dunha programación cargada de tradición e novidades.

Segundo lembra a veciñanza do lugar, este corvo adoitaba chamar pola súa dona desde o alto do hórreo ao berro de "Coralia! Coralia! Coralia!".

Pero o máis sorprendente era cando, coa súa voz ronca, tamén chamaba polas galiñas berrando "Churras! Churras! Churras!", e estas acudían crendo que era a propia Coralia quen as chamaba para darlles de comer como facía habitualmente. O corvo, entón, recibíaas cunha gran gargallada.

O Corvo de Coralia representa á perfección o espírito do Entroido, unha festa milenaria onde a burla e a diversión son as protagonistas.

Cartel do Entroido de Barro
Cartel do Entroido de Barro

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Cultura, Adrián Silva, presentaron unha programación que culminará coa despedida do Corvo de Coralia.

Ademais das actividades tradicionais, como a Corrida do Galo, o Festival de Disfraces e o Certame de Murgas, este ano inclúese unha nova proposta gastronómica: o Concurso de filloas e de orellas.