Costas autoriza o skate park xunto á ponte das Correntes

Pontevedra
12 de marzo 2014

Deportes encarga o proxecto do parque para patinadores da Xunqueira de Alba. A Concellería obtivo autorización do Servizo Provincial de Costas para a utilización do espazo situado a carón da ponte das Correntes

Terreos nos que se construirá o Skate park
Terreos nos que se construirá o Skate park

Visto bo do Servizo Provincial de Costas á utilización dos espazos anexos á ponte das Correntes para construír alí o parque para patinadores que diversos colectivos pontevedreses veñen demandando.

O informe favorable de Costas chegou ao Concello despois da presentación dun anteproxecto da actuación. Costas outorga autorización, sen necesidade de tramitar concesión administrativa dos terreos, o que suporía unha longa tramitación, toda vez que estes teñen perdido as características do dominio público marítimo-terrestre.

O concelleiro Agustín Fernández xa encargou aos técnicos municipais a redacción do proxecto técnico que permita a licitación das obras. Non obstante, unha vez que se dispoña do proxecto haberá que solicitar aínda a autorización da Demarcación de Estradas do Estado, ao respecto da franxa de servidume da autoestrada. Fernández non prevé que haxa problemas neste último paso porque o espazo elixido é suficientemente amplo.

Tamén está prevista, unha vez que estean dispoñibles os planos, unha consulta aos colectivos de mozos que teñen inspirado esta actuación para que podan facer as súas achegas ao proxecto final.

Fernández recalca a idoneidade dos terreos porque, ademais das súas dimensións dispoñen de magníficas conexións peonís e a través de carril-bici. Ademais, era necesario acondicionalos, porque quedaron nunha situación moi precaria despois do remate das obras da ponte.

O responsable municipal de Deportes confía así en poder resolver unha vella necesidade nas instalacións municipais e acabar coa situación producida dende que os informes contrarios impediron construír o parque nos espazos baixo a ponte da autoestrada, en Mollabao.