Os máis de 17.000 metros cadrados que a Xunqueira de Alba incorporou ao seu ámbito de protección, tras a derriba da antiga imprenta provincial e do parque de maquinaria, xa poderán ser xestionados directamente polo Concello de Pontevedra.
Costas autorizou a concesión á administración municipal de todos estes terreos.
O executivo pontevedrés, segundo confirmou este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, aceptou esta cesión por quince anos, prorrogables outro quince.
O mantemento de todo este espazo, que deberá manter sempre un uso público e gratuíto, corresponderá a partir de agora ao consistorio pontevedrés.
Fernández Lores destacou que esta cesión permitirá ao Concello actuar sobre esa zona.
"Ata o de agora non tiñamos ningún título habilitante para actuar alí", explicou, despois de que a Deputación de Pontevedra executase os traballos para renaturalizar todo ese espazo.
En todo este ámbito, segundo o alcalde, só queda pendente unha obra daquel proceso, a conexión dunha fonte á traída municipal "que quedaron de facer nos próximos días".
FONTES ORNAMENTAIS
Na Xunta de Goberno deste xoves, tamén se acordou contratar o servizo de control, mantemento e xestión das dezaseis fontes ornamentais que hai no ámbito urbano da cidade de Pontevedra.
Para sufragar este servizo, que se contratará por catro anos, o Concello destinará algo máis de 341.000 euros.