A gasolineira do Burgo parece ter os días contados. Costas dá por "finiquitada" a concesión outorgada no seu día para ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre. Así llo asegurou a súa directora xeral, Ana Oroño, ao alcalde de Pontevedra.
Miguel Anxo Fernández Lores, que se reuniu este mércores coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e a propia Oroño, asegurou que Costas denegou a renovación desta concesión, que caducou en 2018.
Repsol solicitou no seu día unha prórroga para continuar neste emprazamento dez anos máis, ata 2028, pero segundo Fernández Lores esta foi denegada definitivamente. Costas indicoulle que só está pendente de resolverse un recurso para que esta decisión sexa firme.
O mesmo camiño seguirá o transformador que Fenosa ten a escasos metros da gasolineira, cara a zona da Xunqueira da Gándara, cuxa concesión tamén caducara.
O Concello pretende agora recuperar esta parcela para integrala na praza que se habilitou tras a reforma da ponte do Burgo, aínda que o destino destes terreos deberá acordarse con Costas que, de entrada, só pon un requisito.
Ao parecer, subliñou o alcalde, o proxecto de recuperación destes terreos debe incluír o mantemento da estrutura da antiga gasolineira, ao estar incluída no catálogo de edificios a conservar, aínda que pode ter outros usos públicos, entre eles o de quiosco.
Sexa como sexa, o rexedor pontevedrés mostrou a súa satisfacción coa recuperación como espazo público de toda esta zona e confía en que Costas obrigue a Repsol a devolver os terreos ao seu estado orixinal tras descontaminalos e retirar os restos de combustible.