O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, anunciou este xoves 28 que os técnicos de Costas se puxeron en contacto esta mesma semana con funcionarios municipais para solicitar os proxectos destinados a prolongar o paseo peonil e ciclista na autovía de Marín que, na actualidade, chega ata a rotonda situada ante os terreos de Malvar.
A proposta sería, segundo o concelleiro, anular un carril ata preto dos enlaces do nó que conecta coa autoestrada e crear unha superficie que dea continuidade ao actual paseo. César Mosquera amosou a súa satisfacción porque dende o goberno local levan solicitando anos que se acometan estes traballos ante os problemas de seguridade vial que existen neste ámbito, principalmente para os ciclistas.
A ministra de Fomento, Ana Pastor, afirmou en abril durante unha visita a Pontevedra que estaba a estudar este proxecto coa intención de unir peonilmente Marín e a capital.