Este xoves, día 9 de xullo, instaláronse os sinais de prohibición de circulación a peóns e ciclistas na PO-11, a mal chamada autovía de Marín, entrando en vigor case de inmediato este venres.
O colectivo ciclista Masa Crítica Pontevedra así como a asociación Pedaladas emitiron un comunicado no que expresan a súa postura contraria a esta prohibición xa que "supón un prexuízo na mobilidade ciclista".
Dende Masa Crítica avogan por limitar a velocidade a 50 quilómetros por hora, "que só suporía incrementar o desprazamento en dous minutos, mentres se estudaba e executaba unha alternativa segura para peóns e ciclistas".
A prohibición de circulación pola PO-11 supón un incremento no numero de ciclistas na coñecida como estrada vella de Pontevedra a Marín, a C-550, polo que estes colectivos advirten da perigosidade deste vial que "non conta con beiravías transitables e presenta un numeroso tráfico de vehículos pesados".
Dende Pedaladas e Masa Crítica Pontevedra piden ós condutores da C-550 que "extremen as precaucións polo presumible aumento de ciclistas na vía", e amosan a súa confianza en que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) aumente a densidade de patrullas nesta vía.
Do mesmo xeito esperan que ás empresas do complexo industrial Ence-Elnosa avisen ós seus transportistas do "aumento de risco de atropelo" para o cal tentarán ter unha reunión cos responsables da empresa.
Masa crítica quere facer "responsables" ás autoridades políticas de calquera accidente que se produza "pola irresponsable decisión de trasladar a tódolos ciclistas sen antes ter levado a cabo medidas para aumentar a súa seguridade".