Preocupación en Masa Crítica polo primeiro atropelo na estrada vella de Marín tras o peche aos ciclistas da PO-11

Pontevedra
16 de xullo 2015

Este venres 17, o colectivo ciclista e a asociación Pedaladas manterán unha xuntanza con responsables de Ence para intentar que falen cos seus transportistas e extremen as medidas de seguridade para mitigar os riscos de accidentes con usuarios de bicicleta que percorran a PO-546

Nova sinalización na Autovía de Marín (PO-11)
Nova sinalización na Autovía de Marín (PO-11)

O colectivo Masa Crítica Pontevedra e a asociación Pedaladas mostran a súa preocupación despois de que se producise durante a pasada fin de semana o primeiro atropelo dun usuario de bicicleta na vella estrada de Marín, a PO-546, despois de que se pechase ao tráfico de ciclistas a PO-11, coñecida como autovía de Marín. Aínda que o accidente só levou consigo danos materiais e feridas leves, os colectivos ciclistas continúan alertando dos perigos que supón o uso desta estrada e reclama melloras das condicións de seguridade á Xunta de Galicia.

Durante os últimos días, estas asociacións puxéronse en contacto con empresas que utilizan esa estrada con vehículos pesados para alertalos da presenza dun maior número de ciclistas. Tamén mantiveron unha reunión co Partido Popular de Pontevedra para explicarlles os riscos que corren e quedaron en volver manter un encontro o próximo martes 21 para estudar posibles actuacións na vía.

Este venres 17, Masa Crítica e Pedaladas reuniranse con responsables de Ence para que trasladen os transportistas da factoría que extremen as medidas de precaución para evitar accidentes. Ao mesmo tempo, encóntranse pendentes dunha reunión con responsables do goberno local para que se trate o tema na comisión de Infraestruturas e se trasladen as súas demandas a Fomento.

Estes colectivos insisten en que a prohibición de circular na PO-11 aumenta a presenza de ciclistas na estrada PO-546, que presenta un elevado tráfico de vehículos pesados sen que conte coas mellores condicións para a circulación de persoas en bicicleta.

Demandan que se retire a herba, grava, cristais e lixo que se encontra no asfalto, reclaman a colocación de sinais de advertencia aos condutores nos que se indique a obriga de separarse lateralmente 1,5 metros ao adiantar a un ciclista e piden que se substitúa o límite de velocidade de 60 km/h na curva do Pazo de Lourizán reducíndoo a 50 km/h.

Dende Masa Crítica denuncian que non se está a cumprir a lei por parte do ministerio de Fomento. Afirman que o regulamento indica que cando se prohibe circular ás bicicletas por unha vía hai que sinalizar cun panel o itinerario alternativo, algo que non sucede nin en Marín nin en Pontevedra. Por este motivo, aseguran que se está a multar inxustamente os ciclistas que a Dirección Xeral de Tráfico detectou na PO-11 durante os últimos días.