Masa Crítica pide a ENCE que vixíe as condutas dos seus transportistas en relación cos ciclistas

Pontevedra
17 de xullo 2015

O colectivo pediulle á empresa que poña en marcha unha campaña informativa para avisar os 300 transportistas diarios que acoden á factoría da pasteira en Lourizán de que aumentaron os ciclistas que circulan pola estrada vella entre Marín e Pontevedra, a mesma pola que os camións acceden á fábrica, debido ao peche da PO-11 ás bicicletas

Un camión cargado de madeira entrando na fábrica de Ence en Lourizán
Un camión cargado de madeira entrando na fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O colectivo ciclista Masa Crítica Pontevedra pediulle este venres á empresa Ence que poña en marcha unha campaña informativa para avisar os 300 transportistas diarios que acoden á factoría da pasteira en Lourizán de que aumentaron os ciclistas que circulan pola estrada vella entre Marín e Pontevedra, a mesma pola que os camións acceden á fábrica, debido ao peche da PO-11 ás bicicletas. A intención é, según explica a asociación, "advertilos  das situacións de risco no caso de adiantamento a grupos de ciclistas de estrada e ciclistas urbanos", así como recordarlles a necesidade de respectar a separación mínima de 1,5 metros nos adiantamentos a ciclistas.

Representantes do colectivo trasladaron esta petición a Ence no transcurso dunha reunión celebrada este venres na que lle propuxeron que se cree dentro da empresa un observador de riscos na estrada para vixiar as condutas dos transportistas. Ese observador tería atribucións para excluír os transportistas que teñan condutas de perigo manifesto.

Masa Crítica asegura que a reunión foi "moi positiva" e, froito da mesma, empezarán a facer chegar a Ence material informativo para que poida difundilo entre os transportistas. Segundo indica o colectivo, un responsable da empresa trasladoulles que todas as medidas que piden son potencialmente realizables e estudarán cales serán postas en marcha.

O colectivo aproveita para reiterar a urxencia de que sexan retirados a herba, a grava e os cristais que están na beiravía asfaltada e de que se coloquen sinais de advertencia ciclistas coa lenda de obriga de separación lateral de 1,5 metras ao adiantar un ciclista. Tamén reclaman que se cambie o límite de velocidade de 60 quilómetros por hora que hai na curva do Pazo de Lourizán por un sinal de 50.

Ademais, recórdanlle ao Ministerio de Fomento que non está a cumprir o regulamento que di que cando se prohibe circular as bicicletas por unha vía hai que sinalizar cun panel o itinerario alternativo. Isto non sucede nin en Marín nin en Pontevedra, polo que insisten en que os ciclistas sancionados pola DGT nos úlltimos días por circular pola PO-11 foron denunciados inxustamente.