Masa Crítica pide que a "autovía" de Marín se limite a 50 km/h. para que volvan circular os ciclistas

Pontevedra
04 de agosto 2015

O colectivo trasladou un documento con peticións que foi analizado na comisión de mobilidade do Concello de Pontevedra, onde tamén se contempla a creación dun paseo ciclista recreativo e a mellora da estrada vella de Marín

Nova sinalización na Autovía de Marín (PO-11)
Nova sinalización na Autovía de Marín (PO-11) / Diego Torrado

A comisión de mobilidade do Concello de Pontevedra analizou na mañá deste martes 4 o documento trasladado polo colectivo Masa Crítica no que se reclaman medidas para a PO-11 co obxectivo de que os ciclistas poidan volver circular por este vial, coñecido popularmente como a autovía de Marín despois de que Tráfico prohibise o seu paso.

Masa Crítica reclama que se reduza a 50 km/hora a máxima velocidade á que se poida circular por esta estrada que une Pontevedra e Marín a través da costa. O concelleiro de mobilidade de Pontevedra, Luis Bará, indicou que compartía a "filosofía" desta petición. Actualmente, o límite encóntrase en 80 km/h. e segundo o concelleiro a rebaixa apenas levaría consigo o atraso dun ou dous minutos para os condutores que circulen por este vial.

Por outra parte, o colectivo tamén reclama un paseo ciclista recreativo pola costa entre Marín e Pontevedra para uso non deportivo, un proxecto que anunciara a ministra de Fomento sen que se acometese.

Os ciclistas reclaman tamén a mellora da estrada vella de Marín, a PO-546, por onde agora circulan moitas máis bicicletas. Este vial de titularidade autonómica foi un dos temas que o alcalde de Pontevedra e o presidente da Xunta trataron durante o seu encontro en xullo. Fernández Lores expuxo a Núñez Feijóo a posibilidade de que este vial pase a ser de titularidade municipal para que se leven a cabo as melloras.