O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da Confederación Intersindical Galega (CIG) iniciou este xoves, 22 de xaneiro, o seu calendario de mobilizacións para este ano 2026.
Cunhas demandas claras centradas na dignidade das prestacións públicas e na súa vinculación efectiva ao custo da vida, o sindicato convocou protestas nas sete grandes cidades do país.
En Pontevedra, a concentración desenvolvíase ante as oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) na rúa Gagos de Mendoza, encabeza pola secretaria comarcal, Diana Rodríguez.
O eixo central da protesta é a denuncia da perda de poder adquisitivo que asfixia as economías dos pensionistas galegos.
Segundo explicou o representante da CIG, Xosé Luis Portabales, a suba prevista este mes de xaneiro non abonda para compensar o incremento real dos prezos.
"Este ano déronnos un 2,7%, pero a vida subiu un 2,9%", sinalou Portabales, quen advertiu de que a utilización do IPC interanual, está a prexudicar os beneficiarios. Segundo os cálculos do colectivo, nos últimos cinco anos a perda acumulada de poder adquisitivo sitúase xa no 0,7%.
A problemática agrávase nun contexto no que Galicia mantén historicamente as segundas pensións máis baixas de todo o Estado español.

Desde a CIG alertan de que moitas persoas teñen que recorrer á axuda dos seus fillos ou a servizos sociais por non poder chegar a fin de mes co que perciben tras décadas de traballo.
"O normal é que unha persoa que estivo cotizando máis de 40 anos teña dereito a unha pensión digna", reivindicou Portabales, quen tamén criticou duramente o baleirado da "caixa das pensións" para realizar rescates bancarios que agora non retornan á sociedade a pesar dos beneficios do sector financeiro.
"Eu coticei máis de 40 anos. Onde están os cartos?", manifestaba sinalando que o Goberno central beneficia as entidades bancarias e non as persoas que levan toda a súa vida traballando.
Tamén se fixo fincapé na precariedade que rodea o ámbito da dependencia e o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

O representante sindical lembrou as recentes campañas contra a privatización destes servizos, denunciando as duras condicións laborais que sofren as traballadoras, na súa gran maioría mulleres, e a falta de medios técnicos, como guindastres, para atender adecuadamente aos usuarios.
"A Xunta dá moi pouco e os concellos non teñen orzamento; esa xente está a pasalo moi mal", denunciou nesta primeira protesta do ano do colectivo de pensionistas e xubilados da CIG.