Cotobade e Cerdedo pechan a súa última liquidación de contas por separado con 493.000 euros de superávit

Cerdedo-Cotobade
04 de outubro 2017

O saldo económico do pasado exercicio arroxa un balance favorable de 344.000 euros en Cotobade e de 149.000 en Cerdedo

Jorge Cubela e José Balseiros coa acta notarial cos compromisos sobre a fusión
Jorge Cubela e José Balseiros coa acta notarial cos compromisos sobre a fusión / Mónica Patxot

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar coa derradeira liquidación de contas dos dous municipios por separado, correspondente ao ano 2016, e a mesma arroxa un superávit global de 493.000 euros. Cómpre lembrar que a fusión oficializouse a mediados de outubro e os servizos económicos optaron por rematar as contas do pasado exercicio por separado "para evitar confusións e incidencias administrativas".

O Concello de Cotobade obtivo unha liquidación favorable en 2016 de 344.000 euros mentres que o de Cerdedo situouse en 149.000. Estes 493.000 euros supoñen algo máis do 15% dos 3,2 millóns de euros dos dous derradeiros orzamentos municipais por separado, "o que demostra a boa xestión realizada por ambos gobernos para chegar á fusión nas mellores condicións económicas", explicou o alcalde, Jorge Cubela.

Ademais, este superávit que se coñece agora complétase coa liquidación de toda a débeda por parte do novo concello despois de que no primeiro semestre deste ano se cancelara a única póliza de crédito que estaba en vigor, por importe de 160.000 euros, con fondos de 2016 pertencentes a Cerdedo, que foi a administración que a subscribira.

Cubela cre que esta cifra de superávit "demostra a fortaleza económica do novo concello e a boa xestión que se fixo por separado antes de comezar esta andaina común" e sinala que este balance favorable, xunto co forte incremento dos ingresos, "é o que nos permite subir os investimentos, garantir e mellorar os servizos públicos e seguir baixando impostos como vimos facendo durante todo este ano".

O rexedor aproveitou este dato, que xa era agardado polo goberno local e así o anunciou repetidamente, para lamentar a postura "destructiva" da oposición, á que acusou de "tentar alarmar, incluso con mentiras, da situación económica de ambos municipios, co único obxectivo de atacar ao proceso de fusión para tentar desgastar ao executivo".