COVSA executará o ensanche e mellora dun vial en Vilanova de Tenorio

Cerdedo-Cotobade
24 de marzo 2023

Esta empresa obtivo a mellor puntuación no proceso de contratación pública da obra que se adxudica en 53.081 euros

Obras de ensanche dun camiño en Vilanova de Tenorio
Obras de ensanche dun camiño en Vilanova de Tenorio / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adxudicar en 53.081 euros á construtora COVSA as obras de ensanche e mellora dun vial municipal en Vilanova de Tenorio que se atopa en mal estado e que, a petición dos veciños, se acometerá de inmediato a reposición do seu firme.

COVSA presentou a oferta máis vantaxosa e a que conseguiu a mellor puntuación no proceso de contratación pública aberta no que competía con Construcciones E.C. Casas que non presentou mellora algunha ao concurso, como si fixo COVSA.

Os veciños incidían sobre a necesidade de levar a cabo unha intervención en profundidade para resolver os problemas de seguridade vial e de deterioro que presentaba o firme.

Así, a empresa COVSA dispón dunha semana para presentar a documentación requerida para asinar o contrato e poder proceder a executar a obra que consiste na ampliación do vial así como na reposición de asfalto en quente para renovar por completo o firme.

Aproveitaranse estes traballos para arranxar a drenaxe das augas pluviais polo que se favorecerán as canalizacións para evitar empozamento e poder levar a auga procedente das escorrentías por un trazado axeitado. 

O alcalde, Jorge Cubela salientou a importancia da colaboración vecinal neste tipo de obras que non teñen demasiada entidade, pero que son moi útiles para resolver problemas de accesibilidade a vivendas e de mellora da seguridade vial.

Cubela agradeceu aos veciños que cederon terreo para acometer o ensanche do vial e poder facelo máis operativo unha vez que se fai un investimento importante na reposición do firme e a instalación de sistemas drenantes.