O Concello de Marín presta un servizo gratuíto para a recollida de residuos voluminosos e nos últimos tempos a empresa encargada da súa retirada, Recolte, constatou un "crecemento enorme" das súas intervencións que achacan ao confinamento e ás limpezas xerais realizadas polas familias nesta época.
Con todo, o goberno local leva anos realizando campañas de concienciación á cidadanía a través da colocación de adhesivos nos contedores nos que figura a información de contacto ao que é necesario chamar antes de deixar os residuos na vía pública. Unha información que aparece tamén na pantala LED informativa do Concello.
O teléfono é o 900 102 580 en horario de 9 a 13 horas. Ao chamar, os responsables da empresa indicarán ao demandante cal é o contedor no que é preciso depositar estes voluminosos, que pasarán a ser retirados polos traballadores.
Con todo, o Concello segue detectando verteduras incontroladas, polo que intensificarán a campaña informativa e lembran que este tipo de infraccións conlevan sancións de ata 3.000 euros.
Con respecto á reciclaxe, os marinenses reciclan máis e mellor. "No que respecta ao plástico cada vez reciclamos mellor, reducindo a porcentaxe de residuos impropios que acaban neste colector", recoñece a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín.